Saturday 04 de May de 2024

Adxudicada a execución do proxecto de ampliación e mellora das instalacións do punto limpo


Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou concorrer a dúas convocatorias de subvencións da Deputación da Coruña.

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foi adxudicada a Construcciones Ponciano Nieto S.L. a execución do proxecto de ampliación das instalacións do punto limpo.
Concello e Xunta de Galicia -Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda- investirán 250.000 euros na mellorara das instalacións que permitirá incrementar e optimizar os servizos que alí se ofrecen á cidadanía.

A intervención contempla a urbanización dun sector da parcela contigua para a creación dun novo espazo que facilite ao persoal o desenvolvemento das tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente. Tamén se contempla a construción de dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais), plataformas para incrementar a cantidade de contedores dos diferentes tipos de residuos, zona de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas. Concluirase coa sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc), incluíndo actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais.

Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou concorrer a dous programas de subvencións convocados pola Deputación da Coruña.

Un deles é o dirixido a cooperar coas entidades locais no financiamento dos servizos sociais comunitarios de competencia municipal. O Concello pretende acollerse a dúas liñas de axudas relacionadas co cofinanciamento dos gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento e, tamén, do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia. A contía da achega ao Concello da Laracha a través deste programa ascendería a un total de 152.000 euros.

O outro programa é o relacionado coa colaboración económica para a contratación dun técnico de turismo por un período de un ano.